Skip to main content

Noticias

  • Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal no que respecta ás precipitacións, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Neste sentido, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.
  • Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional. Ademais, seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. A Xunta ten elaborado o Inventario de zonas húmidas de Galicia.
  • A promoción do destino Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur, remata con elevados índices de participación tanto nas xornadas profesionais como nas do público xeral. Ao longo dos cinco días nos que se celebrou a feira, a Comunidade galega amosou e promoveu novos produtos e experiencias turísticas vencelladas, entre outras, co Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía ou a auga, a temática na que se centraba o novo expositor institucional da Xunta de Galicia, que acolleu preto de medio cento de presentación.
  • A Comunidade galega asume desde hoxe oficialmente a coordinación da marca turística da España Verde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios que conforman a marca que son, ademais de Galicia, tamén Asturias, Cantabria e o País Vasco. No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que está a ter lugar en Madrid esta semana, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e a Comunidade galega, que asume este 2024 a coordinación anual desta marca turística. No acto participaron o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas e o consejero de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, como coordinador saínte. Estiveron acompañados por conselleiros das outras comunidades.
  • O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento 3.524 quilos deste material, o equivalente a 141 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 10.850 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos. No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias uns 24 quilos de pellets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 560 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.
  • A nova edición do Morriña Festival terá entre os seus cabezas de cartel artistas como Aitana, Louis Tomlinson -que fora integrante de One Direction- ou Yandel, entre outros. O festival celebrarase o 26 e 27 de xullo e celebra este ano a súa cuarta edición. Ademais o festival contará con La La Love You, o galego Sen Senra, un dos artistas con máis talento da súa xeración. Completan a listaxe, entre outros, os barceloneses Doria ou unha das promesas musicais do momento, o dúo Marlena xunto con un dos maiores talentos da música española da actualidade, o madrileño Dollar Selmouni. Xunto a eles tamén estarán Enol, Yeico x Toni, Trashi e Garabatto.
  • O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
  • O presidente da Xunta garantiu que o Goberno galego traballará “ata o último momento” ata que as praias galegas estean “absolutamente limpas” de residuos de pellets que están a chegar pola vertedura destes plásticos por parte do mercante Toconao. “Desde o primeiro momento o obxectivo da Xunta é claro; non descansar ata que as praias queden totalmente limpas”, garantiu, despois de informar da análise que o Consello da Xunta fixo sobre o impacto da vertedura de pellets.
  • O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
  • O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde se aprobou unha ampliación do reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos europeos Next Generation. No horizonte 2026 serán case 8,5M€ os que a Xunta de Galicia xestionará a maiores para un Plan de Competencias Dixitais e impulsar medidas de eficiencia enerxética, entre outras accións. En concreto o Goberno autonómico executará o Plan de Competencias Dixitais cun investimento de preto de 2,5M€ e unha previsión de formación de 892 profesionais do sector a través de cursos de 150 horas. O prazo de execución será ata o ano 2026.