Skip to main content

Noticias

  • Foron presentados os concertos de O Son do Camiño, que reunirá no Monte do Gozo a 42 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 15,16 e 17 de xuño, e que ten vendido entradas a público procedente de 35 países. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán. O Son do Camiño contará coas actuación de Vetusta Mora, The Kooks, Xoel López, Leiva, Viva Suecia, Marlon, Duki, Ginebras, Bizarrap, Aitana o Maluma, entre outros.
  • A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia.
  • Presentouse a nova edición do Festival Peregrinos Musicais, a iniciativa coa que ano a ano se contribúe a divulgar o traballo de novos intérpretes de música clásica. O programa deste ano, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, incluirá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizada tanto por mozos como por artistas consagrados de carácter internacional de Ucrania, Alemaña e España. Os concertos celebraranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina, no concello de Ames.
  • A Cidade da Cultura amplía os atractivos do Bosque de Galicia como espazo de lecer e cultura coa inauguración de O prisma dos sentidos, intervención artística realizada polo escultor Acisclo Manzano. Concibida como un lugar de recollemento e meditación e espiritual, a obra evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás. Pola súa localización e integración na contorna natural, a obra ofrece ademais un punto de vista privilexiado das torres da Catedral de Santiago e da paisaxe compostelá. As súas paredes, perforadas con rostros, ondas e estrelas, permiten que a luz, o vento e a auga da choiva se filtren formando xogos evocadores e multisensoriais.
  • Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen. En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. Os beneficiados aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
  • O Comité Executivo da Unesco reuniuse hoxe en París para acordar a inclusión de 18 novos espazos na Rede Mundial de Xeoparques, que deste xeito pasa a estar integrada por 195 lugares pertencentes a 48 países e cunha superficie equivalente a dúas veces o tamaño de Reino Unido. No caso concreto de Cabo Ortegal -a única incorporación española-, a Unesco salientou que esta zona ofrece algunhas das testemuñas máis completas de Europa da colisión que orixinou o supercontinente Pangea, hai ao redor de 350 millóns de anos, un proceso coñecido como oroxénese varisca. De feito, a maioría das rocas deste xeoparque emerxeron á superficie naquel momento das profundidades da terra.
  • Galicia rexistrou un mes de abril moi cálido e seco, segundo o avance do informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. O mes de abril caracterizouse pola chegada de masas de aire cálido procedentes do sur, que deixaron unhas temperaturas medias moi elevadas para este mes, particularmente, no caso das máximas no interior. En canto ás chuvias, houbo un déficit con respecto ao que sería normal en abril, pero non moi acusado, xa que a mediados do mes tivemos una chegada de río atmosférico que aportou cantidades apreciables de chuvia.
  • Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (135) e Andalucía (127).
  • Os responsables da programación cultural dos 92 concellos participantes ultiman nestes momentos a carteleira que desenvolverán este verán ao abeiro do circuíto. Contan para este xestión coa plataforma galescena.gal, desde a que teñen acceso ao catálogo dos espectáculos que se inscribiron nesta 11ª edición a partir dunha convocatoria pública para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia. Cultura no Camiño mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia.
  • A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.