Skip to main content

Noticias

  • O Consello da Xunta ven de aprobar as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, por un importe de 1,5 M€. As axudas teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e a transformación dixital das empresas turísticas pola incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, co fin de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do turismo.
  • O Consello da Xunta nomeou o xoves como novo director da Axencia de Turismo de Galicia a Xosé Manuel Merelles Remy. Nado na Rúa (Ourense), é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou en varios medios de comunicación ata chegar á Xunta de Galicia no ano 1991, onde foi redactor no gabinete de comunicación da Presidencia, así como xefe de prensa na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e en Sogama.
  • O presidente da Xunta cualificou aos premiados pola D.O. O Ribeiro como baluartes da Galicia Calidade e do rural con oportunidades, e asegurou que os recoñecementos son proba do arraigo do sector, da excelencia dos viños galegos recoñecida dentro e fóra de Galicia e da confianza en que os produtos galegos poden conquistar o mundo. Alfonso Rueda valorou a forza da viticultura en Galicia, asegurou que a Xunta traballa para dar resposta as súas demandas, e subliñou a aprobación da Lei de recuperación da terra agraria, os preto de 30 millóns en axudas para investimentos, exportacións e reconversións; a futura Lei de calidade alimentaria e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
  • A Xunta fai fincapé na importancia de contar coa implicación da cidadanía na aposta polo fermosismo para poñer en valor entre todos as diversas paisaxes que conviven en Galicia. Así o salientou a responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Coristanco para ver o resultado da rehabilitación dun muíño de auga privado que contou cunha axuda para a corrección de impactos paisaxísticos.
  • A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás.
  • O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
  • Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Logran por primeira vez este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Adro (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove). Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.
  • Foi presentada a ampliación da ruta Eurovelo na nosa comunidade, o que fará que no ano 2024, Galicia sexa a única rexión onde rematan dúas das 17 rutas que conforman a Rede. EuroVelo é unha rede que atravesa 42 países ao longo de máis de 90.000 quilómetros. Unha das particularidades destas rutas é que poden ser utilizadas tanto por cicloturistas como polos habitantes locais que realizan os seus traxectos diarios. Os obxectivos deste rede encaixan na promoción das viaxes sustentables, no impulso económico, ambiental e social dos territorios polos que transcorre e aposta pola promoción dun medio de transporte que repercute positivamente na saúde dos seus usuarios, xa que se logran hábitos de vida saudable e se empregan medios de transporte totalmente respectuosos co medio ambiente.
  • O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París.
  • A Fundación Cidade da Cultura programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás. Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libre que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.