Skip to main content

Noticias

  • O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos hoxe os datos de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións galegos durante o mes de febreiro, que constatan o avance cualitativo do turismo en Galicia. As cifras constatan que Galicia afianza a súa desestacionalización con incrementos de viaxeiros, noites e rendibilidade fóra de temporada alta. Deste xeito, coincidindo co mes do Entroido, os hoteis e pensións galegos rexistraron algo máis de 202.000 viaxeiros que fixeron máis de 364.000 noites, cifras que suponen incrementos do 3% e de case o 4% respectivamente con respecto ao ano pasado. Estes datos constatan que o aloxamento hoteleiro galego rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste segundo mes do ano e acada a segunda cifra máis elevada dos últimos ambos.
  • A de 2024 será a quinta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos. No marco da primeira edición, a convocada en 2020, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os catro anos seguidos.
  • A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.
  • A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou esta fin de semana coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.
  • A Xunta de Galicia vén de lanzar un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico coa intención de dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico. Baixo o nome Descubre o poder da Intelixencia artificial na empresa turística de Galicia, terá 21 horas de duración en sete sesións de tres horas cada unha, que comezarán o vindeiro mércores 13 de marzo e se desenvolverán ata o 29 de abril. A intención é posicionar ás empresas turísticas galegas na vangarda da innovación dixital, para o que se ofrecen 100 prazas. Está dirixido a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego. As persoas interesadas poden obter máis información na web de Turismo de Galicia.
  • O inverno climatolóxico 2023-2024 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o cuarto máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 10 graos centígrados. Así o reflicte o balance climatolóxico publicado por Meteogalicia. Xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. O volume de choivas rexistrado -522 litros por metro cadrado- é un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período, especialmente polas abondosas precipitacións do mes de febreiro.
  • Galicia participa cun espazo propio dentro do expositor de Turespaña, coordinado pola Oficina Española de Turismo en Berlín, con mostradores de información e unha área específica de encontros de traballo. No espazo galego está tamén representado o Clúster Turismo de Galicia, que asiste á feira en misión comercial con diferentes empresarios e profesionais do sector turístico galego. O ano pasado aloxáronse nos establecementos turísticos galegos máis de 170.000 viaxairos alemáns que fixeron preto de 300.000 noites, superando un 8,2% o volume de noites do ano anterior, así como os niveis previos á pandemia, nun 9,7% neste caso. O ano pasado rexistráronse maiores incrementos na tempada baixa fronte á media e alta no mercado alemán, que incrementou a súa estadía un 3%.
  • O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os primeiros datos turísticos de 2024 referidos aos hoteis e pensións durante este mes de xaneiro. Neste mes, máis de 173.000 viaxeiros se aloxaron nos establecementos hoteleiros e fixeron máis de 310.000 noites, uns niveis levemente inferiores aos do ano pasado, e similares aos rexistros acadados antes da pandemia consolidando así a senda de intenso crecemento dos últimos anos. Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter a mellora da súa rendibilidade (nun 2%) e acadou ingresos superiores aos rexistrados antes da pandemia.
  • O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai na Comunidade, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio a tal fin.
  • Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.