Skip to main content

O Festival SonRías Baixas desvela o cartel completo da súa próxima edición

Esta edición, encabezada por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, é unha gran aposta da organización para tratar de cambiar a tendencia da propia industria musical, apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como cabezas de cartel. Tamén destaca a presenza dos principais nomes da escena galega, como son Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezados pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego como son Tanxugueiras. A todos estes nomes súmanse os de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds. mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais tamén nesta 21a edición.

Co cartel, o festival activa tamén a venda de abonos, que estará dispoñible a partir deste xoves 1 de febreiro ás 12 da mañá dende a web do festival, www.sonriasbaixas.info, e a través de Enterticket.es. Os 500 primeiros compradores poderán obter as súas entradas por 45€ máis gastos de xestión.

Como adianto ao que será esta nova edición do SonRías Baixas, o festival confirma que manterá os seus xa característicos dous escenarios, evitando solapar concertos e buscando que todo o mundo poida gozar e coñecer todas as propostas musicais programadas. Ademais, manteñen os prezos de venda de anteriores edicións, lanzando consigo unha promoción de precarga de pulseiras cashless polo cal se á hora de comprar o teu abono cargas a túa pulseira para consumir no festival, recibirás a maiores un 10% do cargado de balde. Por último, avanzan que proximamente darán a coñecer os detalles da acampada, que estará situada a escasos 150 metros do propio festival e da praia.
Festival Sonrías Baixas