Skip to main content

As bandeiras verdes recoñecerán, por quinto ano consecutivo, aos concellos máis comprometidos co coidado da paisaxe e a protección medioambiental

A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a quinta edición do galardón Bandeira verde, creado en 2020 co fin de poñer en valor o traballo e a implicación dos concellos galegos máis comprometidos co coidado da paisaxe e do patrimonio natural, dous dos elementos representativos e identificadores da Comunidade.

A partir de mañá, 21 de marzo, e ata o vindeiro 30 de maio todas as entidades locais interesadas poderán presentar as súas candidaturas, nas que ademais de destacar as boas prácticas ambientais levadas a cabo no municipio, poderán acreditar como mérito para obter o galardón actuacións realizadas en eidos como a xestión responsable dos residuos, o impulso da eficiencia enerxética ou a loita fronte ao cambio climático.

Por segundo ano consecutivo, dispoñer deste distintivo suporá para os concellos un mérito adicional aos efectos de obter algunha das subvencións que convocará este ano a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Deste xeito, os concellos que acrediten ter a bandeira verde no momento en que soliciten axudas para construír ou mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos, entre outras, recibirán unha puntuación adicional.

Por outra banda, ao igual que se recollía xa nas catro convocatorias anteriores, os municipios galardoados terán unha vantaxe á hora de optar a subvencións da Xunta en materia de patrimonio natural.

Ademais, os beneficiarios poderán utilizar o logotipo e lucir a bandeira verde durante un ano como símbolo e recoñecemento expreso ao seu compromiso medioambiental.

Cómpre subliñar que a Bandeira verde vai na liña dos principios inspiradores da Lei de protección da paisaxe de Galicia e se enmarca ademais na aposta decidida do Goberno galego polo fermosismo. O obxectivo principal do Instituto de Estudos do Territorio, organismo responsable da creación e xestión do distintivo, é recoñecer o traballo daquelas entidades locais que no marco das súas competencias destaquen polas súas boas prácticas ambientais e a prol da conservación e protección da paisaxe.

Neste sentido, a Lei de protección da paisaxe establece que a Xunta impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencias no territorio, especialmente coas locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos seus fins.

Por iso e tendo en conta a importancia que ten a paisaxe como sinal de calidade de vida, a creación e impulso da Bandeira verde enmárcase nas funcións legalmente atribuídas á Xunta á hora de promover accións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade en xeral e aos xestores do territorio en particular, co fin de promover o entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as paisaxes.

Municipios galardoados en 2023

A de 2024 será a quinta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que ademais do xa sinalado aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos que os rodean.

Cómpre lembrar que no marco da primeira edición, a convocada en 2020, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os catro anos seguidos. En canto aos últimos galardoados, en 2023 foron 18: Burela, A Illa de Arousa, Oleiros, Porqueira, Sanxenxo, Alfoz, Cervo, Curtis, A Laracha, Moaña, Mondoñedo, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son, Ribeira e Sober.
R.