Santiago de Compostela
Compostela, Capital de Occidente
Desde hai máis de 1.000 anos, xentes de todo o mundo antigo comezaron a camiñar cara unha distante Fisterra. A súa meta estaba situada nun país de chuvia e verdor, de néboa e granito, no que arredor do sepulcro do Apóstolo Santiago nacera a capital de occidente, a terceira das cidades santas da Cristiandade: Compostela.
A comezos do século IX, o ermitán Pelaio observou no bosque próximo á actual igrexa de San Fiz de Solovio resplandores e músicas misteriosas. Acudiu ó bispo Teodomiro, que atopou no lugar o sepulcro do Apóstolo Santiago co seu cadáver que fora traído a Galicia polos seus discípulos.
Alfonso II o Casto ordenou a construcción dunha primeira igrexa ó redor do sepulcro e a Santiago chegaron desde entón xentes de toda condición e orixe a prostrarse diante do Apóstolo, traendo como presentes linguas e culturas de afastadas terras, o fluír das ideas, as invencións e a historia.
Santiago, hoxe capital de Galicia, morada do Patrón de España é tamén capital de Europa e nela conflúen, como en Roma, tódolos camiños.
Por un destes camiños, o maior, o vello Camiño Francés, o Camiño de Santiago por excelencia, chegamos a Compostela. E se o
peregrino tiña como obxectivo inmediato a catedral do Señor Santiago, nós acudiremos a ela despois de visita-los maís importantes elementos monumentais que naceron ó redor desta Catedral, pola súa influencia e como froito dunha fe que fixo xurdir artificiais montañas de pedra nunha terra situada ó final do mundo coñecido.
Comezamos a percorre-la capital de Jacobusland, a terra do Señor Santiago, polos arredores do vello núcleo amurallado do que a súa fortaleza é hoxe só un recordo.


Chamarán poderosamente a nosa atención:
A Colexiata do Sar, un dos máis fermosos monumentos do románico galego con contrafortes laterais engadidos no século XVIII para evitar que a altura das naves e a deficiente cimentación causasen o derrubamento do templo. Pila bautismal, sepulcros, claustro, museo... son destacados elementos para achegármonos ó glorioso pasado da Colexiata do Sar.
Bonaval, fundado por santo Domingo en 1120. A fachada barroca e a orixinal escaleira concéntrica son do arquitecto Domingo de Andrade. No interior está o Museo do Pobo Galego e na igrexa o Panteón de Galegos Ilustres.
2/5