Igrexa-Convento de San Francisco, do primeiro oxival, aínda con aire románico... Aínda que xa existía a comezos do século XIII, créndose fundada polo propio Francisco de Asís, a construcción é de comezos do XIV, agás a portada e algúns restos do século XIII. Ten planta de cruz latina. Ocupa terreos que foron dos Soutomaior, ó lado do emprazamento da antiga muralla e aproveitando algunhas das súas torres. O arcebispo Malvar ampliouna a finais do século XVIII, substituíndo o claustro e uníndolle o edificio que hoxe ocupa a Delegación de Facenda. Na entrada desta delegación atópase a Porta de Santo Domingo da antiga muralla.
Son moi notables os enterramentos do interior, especialmente o de Paio Gómez Charino, dos Soutomaior, que apoia o seu pé nun león e sostén con firmeza a súa espada. Recórdase a súa fazaña: "aquí xace o moi nobre cabaleiro paio gómez charino o primeiro señor de Rianxo que gañou a Sevilla sendo de moros e os privilexios desta vila".

O chamado Almirante do Mar, mandou as naves pontevedresas que romperon a ponte de barcas e as cadeas que para defensa de Sevilla cruzaban o Guadalquivir, conquistando a cidade.

Fernando III o Santo outorgou privilexios a Pontevedra para testemuña-lo seu agradecemento a Paio Gómez Charino, bo guerreiro e gran poeta. Santa María e San Francisco están situados nos montículos que antano ocuparon os dous castros de Pontevedra.
Extra muros da vella Pontevedra, Igrexa do Convento de Santa Clara, de relixiosas clarisas, de finais do século XIV, de estilo oxival. Considérase fundado este convento a finais do século XIII. Entón, esta zona estaba moi preto da Porta e Torre ameada de Rocha Forte da Muralla.
Destaca a súa ábsida poligonal, máis alto que a súa única nave e a porta de ingreso do lateral norte, gótica, flanqueada por columnas, cunha representación do Xuízo Final. O resto da igrexa está oculto polo edificio do convento. No seu interior destacan os altares barrocos e frontais de coiro.
Xa cara o centro da cidade, San Bartolomé o Novo, construído para igrexa e colexio dos Xesuítas a finais do século XVII. O seu barroco é unha mestura do barroco galego e as formas máis internacionais deste estilo.
A horta do convento chegaba ata o río Lérez.
No interior consérvanse notables
retablos barrocos.
No edificio que albergou o convento, pegado á igrexa (edificio Sarmiento) atópanse na actualidade dependencias do Museo provincial de Pontevedra.
Na Praza da Leña, dúas barrocas casas señoriais albergan o núcleo principal do Museo de Pontevedra: a Casa de Castro Monteagudo e o Palacio de García Flórez, ámbalas dúas de mediados do século XVIII, unidas por un orixinal arco moderno.
Constitúe un dos máis importantes museos provinciais de España e é o froito do traballo de destacados pontevedreses desde a fundación do seu padroado en 1927. Castro Sampedro, Sánchez Cantón e Filgueira Valverde son nomes unidos xa - por selo ó Museo - á historia de Pontevedra.
No edificio Castro Monteagudo albérganse as salas de:
-
Arqueoloxía e Prehistoria, cos tesouros de Caldas, A Golada e Foxados, compostos por torques, peites litúrxicos, vasos, machadas...

-Colección de
Cruces Parroquiais Galegas e Portuguesas...

-Pintura... podendo observarse practicamente a evolución da pintura en España.

No Palacio de García Flórez cabe destaca-la existencia de:

-A máis valiosa colección de acibechería compostelá existente en Galicia.

-Pezas de ouro do denominado "Tesouro de Caldas".

-
Colección de 650 obxectos de prata, a máis variada de uso civil exhibida en España.

-Ampla mostra de ourivería popular.

-Excepcional colección de cerámica de Sargadelos.

-Documentación da Confraría do Corpo Santo.

-Sala Castelao...

-e unha réplica da cámara da Fragata Numancia, primeiro acoirazado español que deu a volta ó mundo do almirante Méndez Núñez.
3/5
5/5