Esta é a antiga horta do Convento de Santo Domingo, hoxe Alameda e centro administrativo da capital. Aquí atópanse a Casa Consistorial, Deputación Provincial, Antiga Escola Normal de Maxisterio, Instituto, Facultade de Belas Artes... todos eles edificios de finais do século XIX.

Na cabeceira da
Alameda, rodeado dun estanque, monumento ós Heroes de Pontesampaio, que conmemora a xesta dos galegos na Guerra da Independencia.
A finais do século XII chegaron a Pontevedra os dominicos que, a finais do XIII, comezaron a construcción do seu convento, primeiro en A Moureira e logo neste lugar.
No século XVIII, comezouse a reconstrucción do antigo edificio, en estilo neoclásico, reconstrucción que non puido ser rematada pola exclaustración, polo que puideron conservarse a cabeceira do templo e as súas cinco ábsidas poligonais, de estilo gótico. Consérvase, así mesmo, a fachada da sala capitular, do século XV. O resto do edificio foi derrubado a finais do século XIX para a construcción do Instituto de Ensino Medio anexo.
No interior consérvanse sepulcros arrimados nos muros, con estatuas xacentes de destacados personaxes da historia de Pontevedra... na primeira capela, Tristán de Montenegro; na última da dereita, Paio Gómez de Soutomaior; e na capela central, Suero Gómez de Soutomaior, pontevedreses ilustres do século XV, que aquí quixeron ser enterrados e hoxe comparten espacio con parte da sección arqueolóxica do Museo de Pontevedra, instalada en 1927, sendo inaugurada en 1938. Amósanse neste Museo excelentes restos romanos, visigóticos e medievais.
Nunha dependencia anexa atópanse os arcos medievais de San Bartolomé o Vello, igrexa derrubada a mediados do século XIX para a construcción da praza que hoxe leva o nome de Curros Enríquez.

En tempos, Pontevedra foi un dos centros militares máis importantes de Galicia. Por iso, naceu o romance:
Anque vou a Pontevedra
non vou por ver os Soldados;
vou por ver a Pelengrina
a dos Pendentes Dourados.
No século XVIII fundouse a Confraría da Nosa Señora do Refuxio e Divina Peregrina, culto promovido polos franciscanos e oriúndo de Sahagún.
O 18 de xullo de 1778 colocouse a primeira pedra da
Igrexa da Virxe Peregrina, en honor da que - procedente de Éfeso - quixo facer peregrinaxe a pé á tumba de Santiago, e en pontevedra parou a descansar.
A orixe da tradición está vincunlado ó Camiño do Sur ou Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que tamén podería chamarse Camiño da Virxe Peregrina. O camiño chegaba aquí pola antiga Porta de Trabancas ou Porta da Vila.
A igrexa, de estilos barroco e neoclásico, do estilo denominado "Dos mestres de obra", ten planta circular en forma de concha de vieira e orixinal fachada curva.
A Virxe, Santiago e San José, figuran na portada.
Alberga a imaxe da patroa da provincia de Pontevedra, con sombreiro no que figuran as conchas de peregrino e na man bordón de romeiro e cabaza de auga. No seu brazo esquerdo, o Neno.

A súa
pila de auga bendita está formada por unha gran concha mariña que foi doada polo Almirante Méndez Núñez.

É a igrexa máis característica da cidade de Pontevedra.
Esta é a Praza da Ferrería, a do famoso cantar:
Pontevedra é boa vila
dá de beber a quen pasa
a fonte da ferrería
san bartolomé na plaza.
A fonte atópase na actualidade nas inmediacións de San Francisco.
Aquí estaban as ferrerías, baixo os soportais que logo albergaron o mercado e hoxe forman un singular conxunto monumental.
2/5
4/5