En dirección ás Burgas, percorrémo-la que foi Rúa do Progreso, antiga estrada de Villacastín a Vigo, paralela ó río Barbaña, punto de arranque do moderno Ourense.
Imos ás Burgas para encontra-lo singular elemento, decisivo sen dúbida para que o romano se asentase neste lugar. Tres fontes cálidas, potables e termais, que antano discorrían libres por un regato hoxe transformado - canalizadas as augas - na rúa das Burgas.

As augas medicinais, ou simplemente cálidas, transmitíronnos ó longo dos séculos a testemuña da súa presencia: E Calpurnia Abana, dama da Galcia de Roma, entrou na historia por ter ofrecido unha
ara votiva ás deusas ninfas das Burgas de Ourense.
A Burga de Abaixo, a máis caudalosa, ten fachada de mediados do século pasado; á súa dereita, o Fervedoiro... E a máis pequena, a Burga de Arriba, na rúa das Burgas... En calquera época do ano, temperatura e caudal das augas permanecerá inalterada a 70 graos centígrados, e 300 litros por minuto. A lenda quere que a auga das Burgas naza precisamente debaixo da imaxe do Santo Cristo, na Catedral, e que a auga sexa quentada por un volcán que algún día entrará en erupción sepultando a cidade.
Vímo-los elementos que influíron no nacemento da vella Ourense... Que foi corte dun rei suevo... destruída polos árabes no século VIII; restaurada polo rei Casto Alfonso II, e volta a destruír.
Reconstruída por Alfonso III o Magno, rei de Asturias... Arrasada polos normandos, e restaurada por fin por Sancho II e súa irmá dona Elvira.
Visitámola cidade antiga entrando polo Xardín ou Campo do Posío... Dividido ó construí-la estrada xa varias veces mencionada, segue sendo o gran xardín ourensán no que a fonte de Oseira ou os monumentos a Lamas Carvajal e Prado Lameiro teñen un lugar de honra.
Camiño do centro da cidade, encontrámo-lo Instituto por excelencia. Instituto Otero Pedrayo, de finais do século pasado. Aquí impartiu clases o ilustre polígrafo ourensán.
A igrexa da Trinidade é a máis antiga das parroquias de Ourense. Fundada no século XII, foi na súa orixe abadía, tivo hospital de peregrinos e unha ampla zona de influencia.
Destaca a súa ábsida poligonal, do século XVI, cara á avenida do Pai Feijoo, e a súa fachada - entre dúas torres cilíndricas - co aire de fortaleza, cara á rúa do Vilar. É notable o seu atrio con cruceiro, ó que dá a portada plateresca do antigo hospital de peregrinos (hoxe casa rectoral) e a renacentista do Hospital de San Roque ( do século XVI).
Na praza de igual nome, Capela dos Santos Cosme e Damián, fundada en 1521, que ten na súa fachada as figuras dos dous santos, coas pernas nun cepo, recollendo o alimento que o anxo lles traía. Nesta capela albérgase o Belén popular de Arturo Baltar.
Chegamos xa á Praza Maior.

En tres dos seus lados,
soportais do XVII, XVIII y XIX. Presidíndoa, a Casa Consistorial, edificio do pasado século, se ben con importantes modificacións posteriores. Os balcóns, de ferro fundido, teñen as armas da cidade.
A Praza Maior, é o centro no que conflúen as máis xenuínas rúas de Ourense antigo. E, no pasado século, - como dixo Vicente Risco - foi o cerebro e o corazón da cidade.
Nunha das esquinas da Praza,
Igrexa de Santa María " A Nai ", e Museo Arqueolóxico Provincial.
Por unha escalinata do século XVII - renovada no XX - accédese á Igrexa de Santa María. Santa María "A Nai", foi erixida en 1084 polo bispo Ederonio, aínda que reconstruída totalmente en 1722. Pegada ó antigo Pazo Episcopal, este sufriu o derrubo da súa torre para a ampliación da igrexa.
Barroca, con planta de cruz latina, ten na súa fachada oito columnas de mármore, que se supoñen restos da antiga Basílica dos suevos, do século VI. Iso deu lugar á crenza de que puidera ocupa-lo mesmo lugar da vella catedral sueva. Pero só foi catedral en tanto non se executaban as obras de reconstrucción da Basílica ourensá.
Enriba da porta do brazo norte, consérvase a
lápida do século XI, colocada polo bispo Ederonio con motivo da súa erección. E xunto a ela, outra correspondente á reedificación do século XVIII.
1/5
3/5