Ourense

Ourense
A cidade do ouro.
Sucedeu, fai millóns de anos, que o Río Miño cansou de estar remansado nun gran lago,e as súas augas excavaron unha saída…No decurso dos séculos, foron formando un val, onde os romanos atoparon o lugar ideal para asenta-la capital das terras do ouro… Daquela Auria inicial, xurdiu a actual cidade de Ourense.

Os historiadores non se poñen de acordo en cal foi a razón de que Ourense nacera: se do río, da Ponte, das Burgas, ou do ouro... Ou dos catro elementos. Porque o romano buscou e atopou nestas terras, construíu a vella ponte para cruza-lo gran río, e gozou da auga cálida que se obtiña nas súas fontes...
E aquí nace Auria, a cidade de ouro, capital das terras do ouro, na marxe esquerda do Miño, ó redor das Burgas.

Veña o seu nome do Warm See (Lago quente) dos xermánicos, do Or Ens (Auga quente) dos celtas; ou do romano Auria (Cidade de ouro, ou lugar luminoso e brillante), Ourense - que a tradición quere fundada polo heroe grego Amphiloco - foi importante para o romano polo seu río, a súa ponte e as súas fontes. E estes foron os núcleos ou orixes da primeira cidade.
Río e Ponte sérvennos de punto de partida para visita-lo que Cunqueiro chamou "O Dourado País de Ourense".
O seu río... O Miño, o gran río dos galego, enriquecido polo Sil, recibe en Ourense os irregulares caudais do Loña e o Barbaña... Ó sur do Miño
e ó este do Barbaña era o lugar máis adecuado para que o romano fixese pasa-las súas lexións cara ó norte. Aquí debería construírse unha gran ponte para que as tropas estacionadas en Chaves ou en Braga acadasen os seus obxectivos máis afastados.
E cara ó ano 100 da nosa era, quizais en tempos de Traxano, ergueuse a máis maxestosa silueta de ponte romana de cantas se conservan en Galicia.
Reconstruída en 1228 polo bispo don Lorenzo para o paso dos peregrinos a Compostela, e reparada posteriormente en numerosas ocasións, mide 370 metros de longo, 5 de ancho, e o seu arco central - hoxe de 37 metros de alto - foi o de maior luz de todo o imperio romano. Tivo castelo, cadeas, ramplas curvas de acceso... E é hoxe unha das grandes xoias de Ourense...
Dío a estrofa popular:


Tres cousas hai en Ourense
que non as hai en España:
O Santo Cristo, e Ponte,
e a Burga fervendo a auga.
Deixamos atrás a moderna zona da Estación, surxida inicialmente a raíz da chegada do ferrocarril a Ourense.

Cando en marzo de 1881 a
locomotora Miño chegou a Ourense, estaba anunciada a creación dunha cidade moderna que cruzaba o río para expandirse de forma definitiva.
Cruzámo-lo río pola "Ponte Vella" , a vella ponte... imos ó encontro do Ourense histórico. E as pedras vetustas, en parte herdadas do romano, introdúcennos nese Ourense que, a pesar da súa grande relación con el, só a mediados do século pasado chegou ata o río Miño. Foi en 1863 coa construcción da estrada de Villacastín a Vigo cando a ponte romana se vinculou coa estructura urbana de Ourense.

E a cidade, que viña medrando de forma escalonada, en terrazas, achegouse ó río, ós seus ríos, e formou a actual urbe que os encamiña e domina.

E hoxe son 4 as grandes pontes que atravesan o río, esixidas polo vital latir da gran cidade do interior galego.
Ó final da vella ponte, á esquerda, Alameda do Cruceiro (Case desaparecida), hoxe ocupada polo Pazo de Xustiza e o cruceiro trasladado á Praciña da Magdalena.
Á dereita, Campo e Capela da Nosa Señora dos Remedios, fundada en 1552 por Francisco Méndez Montoto. Era este campo, antano, lugar sumamente perigoso para os camiñantes pola existencia de malfeitores. Desde a fundación da capela, chamouse do Desafío, por selo lugar elixido polos ourensáns para baterse en duelo. Desde o século XVII, é o "Campo dos Remedios".
2/5