En Riazor atopamos un importante complexo deportivo que reforza a tradición neste campo da Cidade da Coruña.
A nosa meta final será a cidade histórica, as pegadas do paso do tempo...
Percorremos, namentres, modernas vías, rúas comerciais, que nos levan ós centros vitais da nova urbe ou nos conducen ás dúas praias que A Coruña ten en pleno casco urbano:
Riazor e Orzán. Cada verán énchense de milleiros de bañistas que gozan do mar e do sol cun entorno urbano que permite conxuga-las comodidades e o descanso en liberdade.
Na Coruña existen modernísimas superficies comerciais que polarizan a atención dos compradores coruñeses e foráneos, pero tamén perviven as rúas comerciais de sempre, con tradición de séculos, xa respondan ó nome de San Andrés ou Rego de auga... Rúa Nova ou Rúa Real... Rúas gastronómicas por excelencia, como Olmos ou A Estrella, onde o chateo é un arte ou un rito...

E paseos como
Os Cantóns ou a zona comercial do Obelisco, ou o abigarrado conxunto dos Porches. Aquí estaba o barrio da Pescadería, onde os coruñeses deron batalla ó exército inglés en 1589, en defensa da súa cidade.
Fronte ós Cantóns, A Rosaleda, Xardíns de Méndez Núñez (co recordo en pedra e bronce a galegos ilustres)... o nobre edificio A Terraza, hoxe moderno centro da comunicación e o Quiosco Alfonso, actualmente sala de arte do Concello coruñés, ámbolos dous con sabor decimonónico e fermosísima presencia.
Máis de 100 anos despois, sona fresca e viva a voz de Curros Enríquez en homenaxe a esta cidade:

Ouh, meiga cibdá da Cruña,
cibdá que por sobre os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita:

¿Qué tés nese teu recinto
qué tés prós que te visitan
que coñecerte non poden
sin que deixarte non sintan?.

Coma un paso intermedio entre o presente e o pasado, as Galerías da Coruña.

Aínda que para dona Emilia Pardo Bazán eran como grileiras e aínda parecidas a panteóns, foron chamadas polos coruñeses Quitapesares. E para Torrente Ballester eran coma unha cura de ausencia e cada ano necesitaba contemplalas ó menos unha vez. Mereceron para a Coruña o sobrenome de A Cidade de Cristal.

Datan de comezos do século XIX e sintetizaron o traballo artesanal dos carpinteiros constructores de barcos co da nova industria do vidro que daquela nacía no Orzán.

Ó seu indubidable valor práctico de regulación de temperatura ó deixar pasa-lo sol e actuar como cámara amortecedora dos rigores invernais, unen o seu excepcional valor estético e son un auténtico símbolo coruñés.
Case na cidade vella, a xeometría urbana atopa a súa perfección na Praza de María Pita. En tres dos seus lados, as casas -cada unha sobre tres arcos- amosan balcóns, balconciños e galería, en progresión ascendente.
Preside esta praza o
Pazo Municipal, obra de comezos do século XIX. No seu salón de sesións están representados os feitos máis destacados da historia ou a lenda da Cidade.
1/5
3/5