A Coruña
Luz, Pedra, Mar e Cristal...
Velaquí a cidade Cabeza, garda e chave do reino de Galicia. Naceu dun porto e un faro... E foi chamada Brigantia, Terra ou Condado de Faro, Crunia... Hoxe, A Coruña segue a se-lo faro que aluma na noite ó navegante e a cidade-faro que marca ós seus iguais a ruta cara ó futuro.

Chegamos á cidade da Coruña polo seu primeiro acceso natural, a
Ponte da Pasaxe, para descubrila ou redescubrila... Para vivir, por un tempo, o seu moderno, e á vez, secular atractivo.
Estamos, por certo, moi preto da Ponte do Burgo, pola que pasaba o máis antigo camiño real cara á Coruña.
Hai outros puntos para acceder a esta cidade, pero facémolo pola vía que, procedente de Madrid ou de Lugo, entra na Coruña pola Ponte da Pasaxe. O continuo fluír dos vehículos anúnciano-lo que logo imos atopar: a cidade moderna, de amplas vías, concentración de xentes industriosas, traballadoras, pero cidade tamén de descanso, de turismo, de cultura, que logrou ese case imposible equilibrio da variedade, do señorío, da harmonía entre o pasado e o presente.
Ó final da Ponte da Pasaxe hai dúas opcións: o antigo acceso, bordeando a costa ou a nova avenida de Alfonso Molina, que nos conducirá directamente ó centro da Coruña.

Un alto no camiño permitiranos divisar parcialmente a cidade que nos agarda. E alá, ó lonxe, a silueta da Torre de Hércules lémbrano-lo seu papel de guía e símbolo. Preside a cidade no seu extremo máis setentrional e é a señora da noite no mar coruñés.
Entramos na gran cidade do noroeste galego: Un cuarto de millón de habitantes, vinte séculos de historia e un lugar de privilexio entre a terra e o mar.

A Coruña, antano case illa, é hoxe península urbana e en cada un dos seus recunchos respírase actividade, vida...

Comezamos a percorrela, precisamente, no entronque das dúas vías de acceso. E aquí atopamos xa o seu porto, unha das súas razóns de ser e, cronoloxicamente, sen dúbida a primeira.
O seu hoxe porto petroleiro, de mercancías, pesca ou deportes náuticos, era xa importante hai dous mil anos cando a el chegou Xullo César ó fronte da súa armada. Espertou a cobiza dos normandos...
De aquí saíu Carlos I cara a Alemaña e ó Imperio.
Tamén saíu a Armada Invencible a loitar contra Inglaterra e os temporais... O porto da Coruña é hoxe fervedoiro de actividade, fonte de riqueza e garantía de conexión da cidade con tódalas cidades portuarias do mundo.
Moi preto de onde nos atopamos, no Parque de Santa Margarita, está a instalación que simboliza perfectamente o que A Coruña pode ofrecer no aspecto cultural: a súa Casa das Ciencias, iniciativa do Concello coruñés, a segunda de España. As súas modélicas instalacións poñen ó alcance dos visitantes, especialmente dos nenos, o gran mundo que nos rodea, desde o entorno natural -rural ou urbano- ata os confíns do cosmos.
2/5